lunes, 24 de febrero de 2014

SEGUIMENTO DAS PROBAS DE REACCIÓN

Hoxe luns volvemos ao colexio. Xa pasou case unha semana desde que fixemos as distintas probas de reacción e máis de 3 días desde que laváramos o biodiesel producido. Decidimos botarlle unha ollada ao aspecto que ofrecían, a ver se notábamos algún cambio.
Nas seguintes fotos temos o aspecto que tiñan todas elas. Un resume xeral indica que as que ofrecían un aspecto máis cristalino no biodiesel eran as número 5, 6, 8 e 12, así como tamén a 7 (aínda que esta lembramos que fora sometida a 2 lavados mentres que as demáis so experimentaron 1 lavado). É significativo que foron todas elas XUSTO NAS QUE SE EMPREGARON 1,5 G DE SOSA. Evidentemente esta debe ser a proporción óptima de base a empregar co aceite usado que se utilizou, suficiente como para provocar a esterificación e neutralizar os ácidos graxos libres iniciais, e non excesiva como para provocar excesivo xabón en reaccións de saponficación paralelas.



As probas 2, 3 e 11 seguían presentando un medio algo turbio pola existencia de xabóns no seu seo.



A 4 tamén presentaba un medio pouco claro. Era cristalino na súa parte superior pero a parte media-inferior estaba moi turbia.


Sen dúbida as probas de aspecto máis curioso foron a 1 e a 10. 
A número 1 lembramos que se fixo sobre aceite de oliva virxe extra, co cal se esperaría un bo resultado. O venres notabamos turbidez, o cal denotaba que a proporción de sosa non debeu ser a axeitada. Non obstante, hoxe o aspecto era xa moito mellor, xa que o xabón que enturbiaba o medio o venres acabou por sedimentar no fondo do vaso.



A que foi espectacular foi a proba número 10, porque nela o medio parecía estar cristalino pero fixándose ben na súa superficie púidose detectar a presencia dunha capa xa xabón semisólido enriba do biodiesel. Mirade a secuencia de fotos e o aspecto do xabón que retiramos cunha espátula por simple arrastre.



Do aspecto que hoxe lle vimos ás probas cremos que a cantidade de sosa empregada condicionou moito o resultado final porque todas as que se fixeron con 1,5 gramos saíron moi ben, todas as que se fixeron con 1 gramo crearon xabón pero que se acabou por separar do biodiesel (sedimentando-proba 1 ou flotando-proba 10) ou que está en proceso (proba 4), e todas as que se fixeron con 2 gramos formando medios turbios nos que o xabón estaba disolto por todo o biodiesel e nos que a emulsión non se rompeu (probas 2, 3 e 7). Coa proba 7 comprobouse que eran necesarios 2 lavados para obter o biodiesel cristalino.
A única proba que escapou a esta tendencia foi a número 11, na que se empregaron 1,5g pero non deu biodiesel cristalino senón algo turbio. Neste caso lembramos que so se axitou uns poucos minutos o cal nos fai supoñer que a reacción non se completou.
Con todos estes datos imos acotando as mellores condicións experimentais.
Queremos probar outras 3 novas condicións e despois sacaremos conclusións, aínda que parece confirmarse que:
É MOI IMPORTANTE PARTIR DUN ACEITE O MÁIS SECO E NEUTRO POSIBLE.
Por iso parece que é necesario facer un pretratamento do aceite con auga quente para arrastrar os ácidos graxos libres que provocan a maior parte da saponificación observada. Tamén haberá que facer ben a valoración con sosa patrón para saber a acidez libre do aceite e así poder axustar a cantidade de NaOH a empregar, pois parece que esa proporción condiciona moito o resultado final. Despois parece confirmarse que a reacción resulta máis rápida e mellor quentando un pouco. E finalmente é importante lavar para obter un biodiesel cristalino. Auga para ser suficiente pero poden ser necesarios 2 lavados.
A ver se o mércores poñemos as probas de reacción restantes e medimos a densidade e viscosidade do biodiesel obtido nalgunha proba boa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario