lunes, 28 de abril de 2014

FIN DA VIAXE: 2º PASE PARA O PÚBLICO EN XERAL

O domingo completamos o obxectivo de publicitar o que estamos a facer no centro sobre o biodiesel, levando a cabo como unha 2ª posta en escea, desta volta para o público en xeral, aproveitando o tirón que ten en San Sadurniño a Feira da Plantación.
E a verdade é que acudiu bastante xente ao colexio a ver que o que estabamos a facer nesta actividade e noutras relacionadas coa ciencia. 
Aquí vemos a David, Carlos, Juan, Carla e Verónica, expoñendo moi ben todos os detalles perante unha boa cantidade de xente


Por suposto o momento estelar volveu ser aquel no que introduciron o biodiesel na C15 do Concello




A xeito de resumo, a xente quedouse sobre todo co barato que era producir biodiesel e coa cantidade de vantaxes que tiña fronte ao diesel tradicional




A viaxe concluiu. Quedan só algúns flecos, como algunha repercusión na prensa ou algunha curiosidade final, pero o groso da investigación rematou. 
Queda máis que claro que o curso foi un éxito de participación e de resultados. Cremos que puxemos a primeira pedra para algo que se irá xestando nun futuro inmediato. Fixemos que un grupo de alumnos se interesase por un tema, investigase sobre el, puxera en práctica a súa síntese, redactara un informe sobre o traballado e expuxese os resultados acadados fronte ao público. Non se pode pedir máis. 
Felicitacións para todos eles


sábado, 26 de abril de 2014

FIN DE FESTA

Estamos chegando ao final desa viaxe que aló polo venres 24 de xaneiro empezamos con moita ilusión.
O xoves 24 de abril fixemos unha festa arredor da ciencia no colexio e nela a síntese de biodiesel a partir de aceite usado cobrou especial protagonismo. Foi un día intenso, agotador, pero reconfortante porque permitiu comprobar o moito que se traballa e o pouco que se amosa...
Os rapaces, coa axuda de nós, os profesores encargados, fixeron unha exposición do seu traballo perante o resto dos compañeiros do colexio. Tiveron que dominar os nervios, expoñer de forma clara e breve algo que ás veces non é doado de resumir, pasaron algo de frío ( o día non acompañaba...) pero fixérono moi ben.
No caso do biodiesel fixermos 3 parellas de alumnos. A primeira explicou como se prepara o aceite para a reacción, como por exemplo David, que aqui o temos empezando o proceso:


A segunda ensinounos como teñen lugar as reaccións de formación de metóxido e do biodiesel. Aquí temos a Carlos facendo o que mellor sabe, que é comunicar...nótase que lle gusta.


E a última parella ocupouse do illamento do biodiesel puro e da caracterización do mesmo, centrándose na 
medida da densidade e da viscosidade.
Por exemplo, Marta, en diferentes momentos da explicación...




Ata fixemos un poster xigante para resumir o proceso, como se estiveramos nun congreso científico e todo...
Aquí está Verónica "custodiandoo"

Un resumo visual moi expresivo é a seguinte fotografía, na que se aprecian as distintas fases no proceso, poñendo de manifesto a importancia de traballar con substancias inmiscibles e de diferente densidade:


Manolo Rey, o noso compañeiro de plástica deseñounos un cartel chulísimo, totalmente profesional


E ata trouxemos á prensa para que se fixera eco do evento. Os fotógrafos do diario de Ferrol e da Voz de Galicia estiveron por alí tomando fotos


Pasou todo o colexio por diante que seguro que algo aprendeu...


E ata recibimos unha visita que honrou o evento: Manolo Dopico, un viciño de Valdoviño que se pode dicir que foi o pioneiro da comarca na síntese de biodiesel caseiro, que xa nos viñera a dar unha conferencia en xuño pasado, e do cal aprendemos moitas cousiñas sobre esta experiencia tan magnética. Aproveitamos para darlle as grazas por pasarse polo colexio nun día tan especial para nós. Cónstanos que marchou encantado.
Aquí o tedes con Lois, o director do colexio


E ao final, culminamos a xeito de peche de ouro, todo este proceso, botando o biodiesel sintetizado nun vehículo que nos deixou o Concello de San Sadurniño de maneira desinteresada, unha furgoneta Citroen C-15. Lembrade que ese era o obxectivo: transformar algo prexudicial como o aceite usado en algo de proveito como o biodiesel. Entón...

OBXECTIVO CONSEGUIDO


Non podemos máis que felicitarnos a todos, pero sobre todo a vós: Bieito, Carla, Marta, Antón, David, Carlos, Juan, Adrián, Verónica, Nerea, Nazaret e Silvia. O esforzo pagou a pena.

viernes, 11 de abril de 2014

PECHANDO A CARACTERIZACIÓN DO BIODIESEL PRODUCIDO A GRAN ESCALA

Despois de quentar ben as últimas fraccións da pota co biodiesel chegamos a illar unha masa total de 15,25 kg. Como partimos de 16,1 kg de aceite usado (no que se presupón un peso molecular medio duns 880g/mol), temos uns 18,3 moles de aceite, que terían que render, segundo a estequiometría da reacción, o triplo de moles de biodiesel (de peso molecular medio duns 295 g/mol), é dicir 16177 g. Isto supón 15,25/16,177 x 100 = 95% de rendemento.
A calidade do biodiesel producido podémola estimar por:


  • Aspecto: é bo. Transparente, bastante cristalino, cor similar ao da mel.
  • Densidade: determinouse o seu valor por medida directa co hidrómetro, obtendo un valor de 882g/L.




  • Este valor contrastouse co obtido na pesada dun matraz aforado de 100mL, obtendo unha coincidencia case total, xa que os 100mL de biodiesel pesaron 88,1 g (147,5 g -59,4 g do matraz baleiro) é dicir, densidade 881 g/L. Este valor queda perfectamente dentro do marco legal establecido polas normas europeas e americanas (entre 860 e 900 g/L) 


    • Viscosidade: empregouse o dispositivo de Cannon-Fenske para tomar medidas a 20ºC e a 40ºC. A 20ºC o tempo de paso entre marcas foi de 607 s. Como a cosntante do aparello a esa temperatura é de 0,01405, obtemos unha viscosidade cinemática de 8,5 cSt. A 40ºC o tempo medido en dous ensaios diferentes foi de 388 s e 378 s respectivamente. Tomando a media dos resultados e a constante do aparello a 40ºC (0,01403) obtemos un valor de 5,4 cSt para a viscosidade cinemática. Este valor queda un pouco por riba do establecido nas normas Europeas que fixan o máximo en 5 cSt pero entra ben nos valores esixidos nas americanas. 

    Visto o aspecto do producto final e os valores de viscosidade e densidade obtidos podemos pensar que a calidade do biodiesel producido é ACEPTABLE.

    Para concluír esta experiencia educativa só nos queda realizar o acto final que perseguiamos: alimentar unha máquina co combustible producido. Pero isto queda para despois das vacacións de Semana Santa. Botaremos parte na caldeira do colexio, tal como tiñamos como obxectivo, pero tamén intentaremos facer andar un vehículo co resto do biodiesel para probar que isto vai en serio, e a calidade do biodiesel producido é axeitada para alimentar un coche.
    Digamos que a película está concluída, pero só falta o epílogo...


    lunes, 7 de abril de 2014

    RECTA FINAL NA PROBA A GRAN ESCALA: SECADO DO BIODIESEL

    Despois de lavar o biodiesel varias veces con auga quente chegou o momento de quedarse coa fase orgánica e quentala para eliminarlle os restos de auga que puidese conter...parecía a parte máis sinxela pero presentou algñun problemiña...
    o pasado xoves 3 de marzo puxémonos a quentar na pota de inox con billa co biodiesel producido.


    A medida que quecía iamos comprobando que se formaba algunha burbulla que denotaba o paso da auga á fase vapor...tamén notamos que o medio se volvía máis transparente


    Chegamos a 115ºC e aí o deixamos 15 minutos crendo que era suficiente para evaporar toda a auga:


    Pero a nosa sorpresa foi que despois de deixalo repousar co tello posto durante un par de horas xa vimos que condensara moita auga na súa parte interna e o medio estaba moi pouco transparente. 
    Hoxe luns atopámonos con este aspecto:


    Mirade máis de preto...non se ve nin o fondo:



    Así que decidimos volver a quentar pero durante máis tempo. Incluso chegamos a uns 140ºC e foi sorprendente a cantidade de vapor desprendida (¿auga? ¿que senón?).
    Co biodiesel aínda quente, sobre uns 90ºC procedemos ao seu trasvase. Era evidente que o medio era máis transparente deixando ver no fondo un residuo negruzco sólido que poderían ser sales sódicas procedentes do xabón formado paralelamente


    Procedemos logo ao paso da pota ao bidón de polietileno de alta densidade



    Ao final metemos uns 13 kg de biodiesel no bidón



    Pero deixamos un marxe de seguridade na pota para ver que aspecto ten mañá.
    O aspecto, máis transparente, axuda a ver no fondo eses restos dos que falabamos antes


    OPINIÓN DE CARLA

    Mi experiencia con el proyecto fue muy buena, pensé que sería todo muy técnico y serio y no fue así. Sin tener que estar pendiente del tiempo, las cosas fluían de otro modo no como en clase, se podía cometer errores,compartir opiniones, mirar el trabajo de tus compañeros... Aprendí mucho, sobretodo los materiales de laboratorio y obviamente como hacer biodiesel o jabón casero. Ver todo el proceso y poder hacerlo yo fue muy divertido y todo eso gracias a mis compañeros y profesor con los que risas no faltaron en medio de tanta seriedad.

    jueves, 3 de abril de 2014

    A miña opinión persoal sobre o proxecto-POR DAVID SANTOS

    Encantoume a iniciativa do instituto creando multitude de proxectos coma o de robótica e máis este. Concretamente este é o que máis me gustou, debido ó interesante que é aprender química á hora da practica no laboratorio, ademais o obxectivo resultábame interesante debido a que tiña aplicacións achegadas e reais a nos. Aprendemos a moitos métodos e procesos habituais do laboratorio, o cal nos outorga unha experiencia e oportunidades mellores ós alumnos de outros centros. En definitiva encantoume o proxecto e o que implicou.

    OPINIÓN PERSOAL De Verónica María Pena Dopico

    Como opinión persoal gustoume moito este proxecto no que tiven a oportunidade de aprender a facer o biediesel. Sempre me intrigou como se facía, e a verdade é que ahora que sei como se fai pareceme que o procedemento é mais sinxelo do que eu pensaba. Outra razón polo que me gustou este proxecto é porque non só aprendimos a facelo, senón tamén a averiguar e mirar as suas propiedades, mirar se era de boa calidade ou non. En definición, non me arrepinto para nada de participar nesta oportunidade.

    miércoles, 2 de abril de 2014

    REMATANDO O LAVADO

    Hoxe tocaba rematar de lavar o biodiesel obtido.
    Ao chegar ao laboratorio atopámonos co bidón no que claramente se vían as dúas fases acuosa e orgánica moi ben definidas

    En canto ao pH pasa unha cousa estraña...usando o pHmetro non damos baixado de valor 9 e pico, nin sequera neste último lavado

    Pero facendo uso das tiras indicadoras vemos que é practicamente neutro, e iso que probamos varios tipos...

    Como xa son moitos lavados decidimos rematar aquí.
    Para que o trasvase fose máis simple inclinamos un pouco o bidón e purgamos parte da auga, de tal xeito que ao volver a poñer o bidón vertical o nivel acuoso quedase un par de centímetros por debaixo da billa. Esperamos uns minutos a que repousase ben e así todo o que saíra pola billa sería principalmente biodiesel


    Iniciamos o trasvase á pota onde remataremos quentando o biodiesel para secalo



    O aspecto que presentaba o biodiesel era, de todos os xeitos, un pouco turbio aínda:


    Cando rematamos o trasvase o bidón quedou así:


    Como se pode comprobar aínda queda máis dun litro de biodiesel no bidón, pero para proceder ao seu illamento usamos métodos máis precisos a pequena escala: funil de decantación. Coa axudo dun de medio litro fumos illando e xuntando diversas fraccións de biodiesel, e puidemos comprobar unha cousa: a turbidez débese á presencia de restos de auga que conteñen xabón. Quedou de manifesto cando quentamos esas fraccións pequenas no microondas...na parte inferior acumulábase un resíduo coma este:


    O cal no dí que o quecemento final ao que temos que someter o biodiesel será crucial para obter un producto de calidade. A pota con bila cremos que nos vai vir moi ben porque despois de quentar o biodiesel a máis de 100ºC durante uns minutos e despois deixar repousar, os xabóns esperamos que se acumulen por debaixo do nivel da billa e non saian coa fracción de biodiesel. Xa veremos.

    Opinión de Carlos Martínez Romero

    Dende que o noso profesor de física e química propúxonos esta alternativa, pasaron xa varios meses, pero non pasaron en balde. Durante este tempo, no que mantivemos reunións no lavoratorio en horario extraescolar, aprendimos moitas cousas  que nos serán de grande utilidade idependentemente do camiño que sigamos .Ensinounos a comprometernos cunha causa optativa, na que debiamos participar activamente para que funcionase e tamén tivemos que organizarnos e distribuir o traballo dunha maneira efectiva e equitativa. Pero mais alá das aplicacións practicas deste proxecto, compre salientar como aprendimos que non so existe unha maneira de ensinar, xa que durante todas estas sesión aprendín mais que noutras clases "normais". Por todos estos motivos e polo ben que o pasei aprendendo , penso que valeu a pena invertir unha parte do meu tempo nesta enriquecedora experiencia.

    martes, 1 de abril de 2014

    LAVANDO O BIODIESEL NA PROBA A GRAN ESCALA

    Na parte final do proceso quédanos lavar ben os mais de 16 kg obtidos de biodiesel. Para iso botamos sobre el, uns 5 L de auga quente a 60ºC e esperamos.
    A montaxe era a seguinte


    Onte deixamos xa feito o primeiro e hoxe comprobamos o pH las primeiras augas de lavado

     
    Alto, 9,84, como esperábamos.
    No resto da mañá procedemos a baleirar un par de veces máis a fase acuosa, esperando unha hora entre lavado e lavado. O mellor é que a separación de fases sempre se observa polas paredes do bidón moi clara. Non hai emulsións, as augas saen bastante limpas, sen escumas, pero verdosas, e iso é bo sinal.
    Os pH foron diminuíndo pero non moito...
    No segundo 9,46
     E no terceiro 9,22



    Mañá intentaremos rematar o lavado e poñer a secar o biodiesel.
    Por outra banda tamén separamos os último restos de biodiesel da glicerina e quedounos sobre 1,9 L nas botellas...Intentaremos quentalo para quitarlle o metanol que poida conter e darlle un uso á glicerina (¿fabricación de xabón?)

     

    REMATANDO MEDIDA VISCOSIDADES DAS PROBAS

    Hoxe martes rematamos de caracterizar o biodiesel obtido nas distintas probas de reacción levadas a cabo. Quedábanos medir a viscosidade cinemáticas das probas 10 e 12. Deixámolas para o final porque eran as que peor aspecto presentaban. E a medida de viscosidades confirmouno.
    Na proba 12 apareceran rastros de xabóns que poñçia en dúbida a calidade do biodiesel obtido. Pero era moi pouca cantidade, case que inapreciable e os valores de viscosidade son similares aos obtidos noutras probas, e caen dentro do marco legal.
    A 23ºC o tempo de baixada no viscosímetro de Cannon-Fenske foi de 9 min 2 s mentres que a 40ºC foi de 6 min 10 s, o cal se traduce nuns valores de viscosidade de 7,6 cSt e 5,2 cSt respectivamente.
    Porén, a proba número 10 foi un fiasco absoluto. Xa apuntaba mala pinta porque a formación de xabóns nela era continua e tal debe ser esta cantidade que foi imposible a medida de viscosidade no aparello de Cannon-Fenske tipo 100 do que dispoñemos. Era tan viscoso que non baixaba polo capilar. Evidentemente temos que descartalo. Foi unha proba onde a reacción non saiu ben, demasiada sosa que deu lugar a xabóns probablemente.

    Opinión de Bieito

    Nestas horas que fomos ao laboratorio, sintetizamos biodiesel a partir de aceite utilizado anteriormente. Gustoume a maneira na que ocorreu todo o proceso: fixemos varias probas variando algún elemento para tomar resultados e comparalos. Aprendín como ocorren as reaccións que se dan e os productos que forman. O que máis me impresionou: non traballamos igual que se fose unha proba de clase. En resumo, foi unha maneira diferente de traballar no laboratorio e repetiríaa sen ningún problema.